© 2019 WyC Media

  • Facebook Classic

Festival Groba

Rogelio Groba

 

Naceu o 16 de xaneiro de 1930 en Guláns, unha pequena aldea da provincia de Pontevedra. Os seus costumes e forma de vida agraria resumían a Galicia profunda: verdes e frondosas paisaxes nos que relixión e superstición coexistían.

 

Os seus primeiros contactos coa música viñeron a través da banda “A Unión”, de Guláns, onde comezou tocando o frautín antes de facerse cargo, con 17 anos, da dirección da agrupación.

Estudou no Real Conservatorio de Música de Madrid, onde obtivo o título Superior en Composición con primeiros premios en Harmonía e en Contrapunto e Fuga. Despois exerceu como director de banda en diversas prazas da xeografía galega (A Estrada, Tui e Ponteareas) e española (Pedro Muñoz, en Cidade Real).

 

En 1962 trasladouse a Suíza, país no que residiu sete anos. Alí dirixiu numerosas agrupacións musicais (Yverdon, Orbe e Perroy, no cantón de Vaud, Martigny e Saint-Maurice, no cantón du Valais), con gran éxito, como demostra o feito de que naquel tempo se chegasen a celebrar catro “Festivais Groba” como recoñecemento ao seu labor artístico. Tamén dirixiu a Editorial Musical Rauber, en Lausanne.

 

En 1967, de volta a España, foi nomeado director da Banda-Orquestra Municipal da Coruña, cargo que exerceu durante 23 anos. Ao tempo, fundou a Orquestra do Conservatorio Superior de Música da Coruña e a Orquestra de Cámara Municipal. Foi profesor de Contrapunto e Fuga, de Harmonía, e de Composición no devandito Conservatorio, que tamén dirixiu durante 20 anos, e fundou varios conservatorios dentro da xeografía galega.

 

Da súa discografía destacan a gravación feita pola Stuttgart Kammerorchester baixo a dirección de Maximino Zumalave de “Cantigas de Mar” e “Intres boleses”, ou as realizadas pola London Symphony Orchestra: “Gran Cantata Xacobea” (dobre CD), co coro London Voices; o “Concerto para violín e orquestra nº 2 Confidencias”, con Pedro León como solista (en ambas as ocasións baixo a dirección do propio Groba); e o “Concerto nº 1 para cello e orquestra Fauno”, dirixido por Andrew Litton e con Mats Lidstrom como solista. Tamén cómpre salientar as gravacións realizadas pola Orquestra de Cámara Galega do “Concerto para dous violíns e orquestra Arcaico” (no que actúan como solistas o seu fillo Rogelio Groba e Javier Cedrón), e do “Concerto nº 2 para violoncello e orquestra Añoranzas” (coa súa filla Clara Groba como solista), así como da suite “Intres boleses”.

 

Autor de ensaios e libros como “252 alalás”, dende 1990 adícase só á creatividade musical, campo no que foi recoñecido co Premio Internacional de Composición Dante Luini convocado pola Radio Televisión Suisse Romande (1973), o Premio da Crítica Galega (1979), o Premio Xunta de Galicia da Cultura (1992), a Medalla Castelao (1995), o Premio Internacional de Composición Auditorio de Galicia (2004), ou o nomeamento como Fillo Predilecto da súa vila natal en 2005. É membro do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, da Real Academia Galega de Belas Artes, e da Real Academia de San Fernando, de Madrid.

 

Desde 2002 preside a Fundación Rogelio Groba, clasificada “De interese cultural” e “De interese galego” polo goberno de Galicia.

 

 

 

www.fundacionrgroba.com